Monday 29 de April de 2024

Josep María Pou protagoniza o espectáculo histórico sobre a Guerra das dúas Rosas que chega esta fin de semana ao Teatro Rosalía de Castro


‘Erresuma. Kingdom’ baséase nos relatos de William Shakespeare sobre a sociedade inglesa do século XV, coas loitas polo trono entre as casas de Lancaster e Iork

O Teatro Rosalía de Castro encara a recta final do Ciclo Principal de Teatro nesta tempada de primavera, que rematará a mediados de xuño. Este sábado 23, ás 20.30 horas, o recinto municipal viaxará atrás no tempo, á Inglaterra do século XV, para achegarse ao ciclo de traxedias históricas inglesas de Shakespeare.

O actor e director teatral Josep María Pou encabeza o reparto de ‘Erresuma. Kingdom’, unha coprodución do Teatro Arriaga co Teatro Español, o Teatro Principal de Vitoria, o Teatro Victoria Eugenia e Muxikebarri que dirixe Calixto Bieito.

Durante case dúas horas, figuras da interpretación como Joseba Apaolaza, Miren Gaztañaga e Eneko Sagardoy versionarán a coñecida como a Guerra das dúas Rosas, a denominación común para a guerra civil entre as casas de Lancaster e Iork. Así, nesta recuperación das loitas polo trono que inspirou a obra de Shakespeare, e nun clima de claro conflicto na sociedade inglesa da época, afloran cuestións como a violencia, a corrupción, a incertidume e o odio.

Venda de entradas para a función
As entradas para asistir ao espectáculo, que terá lugar este sábado ás 20.30 horas, están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 26 euros para o público xeral.

Os pases tamén se poderán adquirir o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

Outras dúas obras previstas ata mediados de xuño
A programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro para este primeiro semestre segue con dúas pezas máis ata mediados de xuño. Son as seguintes:
● 20 e 21 de maio: As que limpan, con Areta Bolado e Noelia Castro.
● 17 e 18 de xuño: Los Santos Inocentes, con Javier Gutiérrez e Pepa Pedroche.